Monday 06 de May de 2024

Belén do Campo visita o novo aulario do CEIP Otero Pedrayo, na Laracha, que se dotará de mobiliario nas vindeiras semanas


A Consellería de Educación investiu máis de 870.000 euros na creación destas 6 novas aulas de Educación Infantil

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou o novo aulario do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Otero Pedrayo do concello da Laracha, xunto co alcalde, José Manuel López, e a directora do centro, Sandra Casar. As instalacións atópanse practicamente rematadas, polo que nas vindeiras semanas -cando se recepcione a obra- poderá comezar o amoblamento e o traslado de material. Unha vez finalizadas estas tarefas, a dirección do centro decidirá a data de comezo das clases nestas novas aulas.

Trátase dun proxecto executado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que investiu máis de 871.000 euros. As obras serviron para crear un novo pavillón de 800 metros cadrados de superficie construída, que albergará 6 aulas de Educación Infantil de 50 metros cadrados cada unha, aseos, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio e servizos comúns (para almacén, cuarto de limpeza e instalacións). O inmoble ten capacidade para 150 alumnas e alumnos.

Na zona de administración, ubicarase a conserxería, a zona de reprografía e os aseos adaptados. Así mesmo, estase a habilitar un novo espazo exterior de xogos, dotado de pavimento de caucho. En calquera caso a Consellería contempla, en función da evolución da matrícula no centro, unha segunda fase de ampliación do número de aulas e a conexión dos distintos edificios existentes na parcela.

Durante a visita, Do Campo sinalou que “a execución deste proxecto supón o cumprimento adquirido no seu día polo Goberno galego para dar resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio”. De igual xeito, amosou a súa disposición a seguir mantendo un diálogo fluído coa comunidade educativa da Laracha, co fin de estreitar a colaboración e sacar adiante esta actuación co maior consenso posible. Tamén agradeceu a cooperación amosada polo alcalde e o seu goberno desde o primeiro momento para facer realidade este proxecto, así como para construír un pavillón polideportivo para dar servizo tanto aos escolares como ao resto de veciños do municipio.

Deste xeito, a representante da Xunta na provincia reafirmou o compromiso do Goberno galego coa atención ás necesidades educativas, especialmente nos concellos en crecemento, que este ano se manifestou a través dun investimento de preto de 18,4 millóns de euros do plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería.